IX Xornada Estatal de Psicoloxía Contra a Violencia de Xénero. 2017

ABRINDO O FOCO: A VIOLENCIA DE XÉNERO, UN PROBLEMA CON ROSTROS


PRESENTACIÓN


A abordaxe para a erradicación e a superación da violencia de xénero é relativamente recente, tendo en conta o feito de que o marco legal que a recoñece consta tan só de trece anos. Este labor ten como principal foco a muller, como única vítima recoñecida (ata o ano 2015, no que se incluíron aos fillos e fillas tamén co mesmo status). Pero como intervenientes en situacións por violencia de xénero temos un amplo coñecemento de que os seus danos e os seus efectos, en definitiva, o seu alcance, transcende á muller que é vítima e as súas repercusións son máis extensas.

O impacto na contorna directa da muller é innegable, aínda que adoitan considerarse como un "dano colateral". A familia é unha peza chave que en maior ou menor medida sofre os efectos dalgún modo, ben exercendo a violencia a través dos mesmos mecanismos ou outros, como a minimización, a culpabilización, a xustificación ou a manipulación; ou ben doéndose por quen a sofre. Estas persoas tamén están dentro da luz dese foco.

Pretendemos que as IX Xornadas Estatais da Psicoloxía contra a Violencia de Xénero constitúan un foro no que construír un relato poliédrico e así obter un retrato moito máis completo e ambicioso co que definir o impacto real da violencia por motivo de xénero. A mellor comprensión desta problemática é unha peza imprescindible no camiño preciso para a súa erradicación.

 

XORNADAS RECOÑECIDAS DE INTERESE SANITARIO POLA CONSELLERÍA DE SANIDADE DA XUNTA DE GALICIA CO Nº EXPEDIENTE: SA301A 2017/ 44 – 1